Planeta

Imaxe dos planetas do Sistema solar
1) Mercurio. 2) Venus. 3) Terra. 4) Marte. 5) Xúpiter. 6) Saturno. 7) Urano. 8) Neptuno

Conforme a Unión Astronómica Internacional (IAU) un planeta (Gl-planeta.ogg pronunciación , do grego planḗtai, 'errantes'[1]) é un corpo celeste que orbita ao redor do Sol, que ademais ten masa abonda como para que a súa gravidade supere as forzas do corpo ríxido e asuma unha forma en equilibrio hidrostático (practicamente esférica) e que ademais limpara a órbita de corpos veciños.[2][3] Un planeta é un corpo celeste de grandes dimensións, sen luz propia, senón que a recibe dunha estrela, e que xira arredor dunha estrela cunha órbita elíptica. Da estrela recibe unha importante radiación electromagnética.

O termo planeta é antigo, con lazos coa historia, astroloxía, ciencia, mitoloxía, e relixión. Á parte da Terra mesma, que non era considerada como planeta, como non podería ser doutra forma na teoría xeocéntrica, coñecíanse desde moi antigo cinco planetas do Sistema Solar visibles ao ollo humano sen axuda dun telescopio. Son estes Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno, considerados por moitas culturas temperás divinos ou emisarios das deidades. O uso do telescopio permitiu a descuberta de Urano e Neptuno. A medida que avanzou o coñecemento científico, cambiou a percepción dos planetas, incorporando un considerable número de obxectos dispares. En 2006, a Unión Astronómica Internacional adoptou oficialmente a resolución na que se definían os planetas do Sistema Solar.[2] Esta definición é controvertible pois exclúe a moitos obxectos de masa planetaria en base a onde ou que orbitan. Aínda que segundo a definición actual son "planetas" os oito corpos planetarios anteriormente mencionados descubertos antes de 1950, algúns corpos celestes coma Ceres, Pallas, Juno e Vesta (todos eles obxectos do cinto de asteroides), e Plutón (o primeiro obxecto descuberto máis aló de Neptuno), foron outrora considerados planetas pola comunidade científica. No ano 2003 houbo unha controversia sobre se Plutón era ou non un planeta. A alternativa postulada é que el forma parte do cinto de Kuiper. Plutón estivo considerado un planeta ata o 24 de agosto de 2006 cando a IAU o definiu como planeta anano.[4] Hoxe considerase que o Sistema Solar se compón de oito planetas, moitos dos cales teñen satélites naturais, ademais de millares de asteroides e cometas.

O sistema xeocéntrico de Tolomeo consideraba que os planetas orbitaban ao redor da Terra en movementos de deferente e epiciclo. Aínda que a idea de que os planetas orbitaban ao redor do Sol foi suxerida moitas veces, non foi ata o século XVII que esta teoría foi corroborada polas observacións astronómicas cos primeiros telescopios, feitas por Galileo Galilei. Na mesma época, mediante a análise dos datos recollidos de observacións anteriores ao telescopio, Tycho Brahe e Johannes Kepler acharon que as órbitas dos planetas eran máis ben elípticas ca circulares. Conforme melloraban as ferramentas de observación celeste, os astrónomos viron que, ao igual ca Terra, os planetas rotaban ao redor dun eixe oblicuo con respecto ao seu polo orbital, e que algúns compartían características como casquetes de xeo e as estacións. Desde os albores da Era espacial, as observacións detalladas das sondas espaciais acharon que a Terra e outros planetas compartían características como o vulcanismo, a tectónica, os furacáns, e mesmo a hidroloxía.

Algúns miles de planetas que orbitan outras estrelas (planetas extrasolares ou exoplanetas) foron descubertos na Vía Láctea. A 1 de novembro de 2020, coñecíanse 4 370 planetas extrasolares en 3 230 sistemas planetarios (incluíndo 715 sistemas planetarios múltiples), variando en tamaño desde algo máis do tamaño da Lúa ata xigantes gasosos o dobre de grandes que Xúpiter. De entre eles, cen teñen o mesmo tamaño cá Terra e nove están á mesma distancia relativa da súa estrela coma a Terra do Sol, isto é, están na zona de habitabilidade.[5][6] O 20 de decembro de 2011, o telescopio espacial Kepler informou do descubrimento dos primeiros planetas extrasolares do tamaño da Terra, Kepler-20e e Kepler-20f, orbitando o análogo solar Kepler-20.[7][8][9] Un estudo de 2012, analizando datos de microlentes gravitacionais, estimou unha media de polo menos 1,6 planetas ligados a cada estrela da Vía Láctea.[10] Crese que aproximadamente unha de cada cinco estrelas análogas ao Sol ten un planeta do tamaño da Terra na súa zona de habitabilidade.[11] [12]

  1. πλάνης, πλανήτης. Liddell, Henry George; Scott, Robert; A Greek–English Lexicon en the Perseus Project.
  2. 2,0 2,1 Unión Astronómica Internacional (IAU), ed. (2006). "IAU 2006 General Assembly: Result of the IAU Resolution votes" (en inglés). Consultado o 31 de outubro de 2020. 
  3. IAU, ed. (2001). "Working Group on Extrasolar Planets (WGESP) of the International Astronomical Union" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2006. Consultado o 31 de outubro de 2020. 
  4. IAU (ed.). "Pluto and the Developing Landscape of Our Solar System" (en inglés). Consultado o 31 de outubro de 2020. 
  5. "NASA discovery doubles the number of known planets". USA Today (en inglés). 10 de maio de 2016. Consultado o 1 de novembro de 2020. 
  6. Schneider, Jean (16 de xaneiro de 2013). "Interactive Extra-solar Planets Catalog". The Extrasolar Planets Encyclopaedia (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2020. 
  7. NASA Staff (20 de decembro de 2011). NASA, ed. "NASA Discovers First Earth-size Planets Beyond Our Solar System" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2019. Consultado o 1 de novembro de 2020. 
  8. Hand, Eric (20 de decembro de 2011). "Kepler discovers first Earth-sized exoplanets". Nature (en inglés). doi:10.1038/nature.2011.9688. 
  9. Overbye, Dennis (20 de decembro de 2011). "Two Earth-Size Planets Are Discovered". New York Times (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2020. 
  10. Cassan, Arnaud; D. Kubas; J.-P. Beaulieu; M. Dominik; et al. (12 de xaneiro de 2012). "One or more bound planets per Milky Way star from microlensing observations". Nature (en inglés) 481 (7380): 167–169. Bibcode:2012Natur.481..167C. PMID 22237108. arXiv:1202.0903. doi:10.1038/nature10684. 
  11. Sanders, R. (4 de novembro de 2013). "Astronomers answer key question: How common are habitable planets?". newscenter.berkeley.edu (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2014. Consultado o 1 de novembro de 2020. 
  12. Petigura, E. A.; Howard, A. W.; Marcy, G. W. (2013). "Prevalence of Earth-size planets orbiting Sun-like stars". Proceedings of the National Academy of Sciences (en inglés) 110 (48): 19273–19278. Bibcode:2013PNAS..11019273P. PMC 3845182. PMID 24191033. arXiv:1311.6806. doi:10.1073/pnas.1319909110. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search